Monday 29 de April de 2024

Este venres quedará aberta ao tráfico a nova rúa que une o pavillón municipal e o Centro de Saúde de San Sadurniño


A vía será de sentido único e contará no seu entorno con medio cento de prazas de aparcadoiro

A empresa responsable da execución das obras de conexión do Convento do Rosario co pavillón municipal ultimaba este serán os traballos de pintado da nova vía, que quedará aberta á circulación este mesmo venres. O proxecto, cun investimento de algo máis de 67.000 euros, busca reordenar o movemento de vehículos nun dos puntos de maior intensidade do tráfico, especialmente polas mañás coincidindo cos horarios médicos e de entrada no colexio. Neste sentido, tanto esta nova rúa -para a que aínda non hai nome decidido- como a que pasa por diante da Casa da Cultura serán de sentido único con saída polo lateral do CPI de San Sadurniño.

Desde o Concello xa se informou a través das redes sociais deste cambio no sentido circulatorio e agárdase que as persoas usuarias se adapten de inmediato á nova configuración. A obra redefiniu e ampliou tamén os espazos de estacionamento, con 40 prazas dispoñibles no entorno do cemiterio parroquial e outras 7 entre a Casa da Cultura e o centro médico, ademais das reservadas para vehículos de emerxencias, Garda Civil, persoas con mobilidade reducida e taxis.

O proxecto licitouse a finais de novembro e adxudicóuselle a principios de ano á empresa José No Mantiñán e Hijos, quen desenvolveu a maior parte dos traballos nos últimos dous meses. O de maior envergadura foi a construción dun muro de contención para o material de recheo que se botou sobre o antigo aparcadoiro, de maneira que as prazas perdidas se recuperaron nun nivel máis elevado, xusto á altura do acceso ao cemiterio. De feito, ata este momento a rúa morría alí e a única saída posible a Marqués de Figueroa obrigaba a dar volta e regresar de novo por diante do Centro de Saúde e a Casa da Cultura.

A plataforma que se ergueu diante do cemiterio dividiuse en dúas partes, unha para aparcadoiro e outra como carril de sentido único que desemboca diante do Pavillón Municipal noutra rúa que ata agora tampouco tiña saída. No punto de confluencia entre ambas, o Concello optou por deixar unha grande explanada cunha rotonda, pensada para que o transporte escolar poida manobrar despois de deixar a rapazada no acceso ao centro de ensino.

O ramo a todo o proxecto -financiado con cargo ao POS+ 2018- foi a colocación dunha varanda de madeira no aparcadoiro e unha illa empedrada na que o Concello plantou unha oliveira. Agárdase que ao longo deste venres se remate o pintado das partes pendentes e tamén a colocación da sinalización vertical.